martes, 20 de junio de 2023

CAE O TELÓN

A última actividade que a biblioteca acolleu durante este curso 2022-2023 tivo lugar na sala do edificio das Mariñas, onde o grupo de teatro de galego e portugués, creado ao abeiro dos Contratos Programa, estreou dúas obras: O drama do cabalo de axedrez, de Rafael Dieste, e unha adaptación da peza inaugural da nosa dramaturxia: o Entremés famoso sobre da pesca do río Miño. 


Aquí podes ver un pequeno resumo fotográfico:




JULIA DOPICO NO CLUB DE ADULTOS

 Julia Dopico, escritora e profesora de Música do noso centro, visitou o club de lectura de adultos na súa última xuntanza deste curso, para departir con eles sobre o seu poemario La voz de la musa



domingo, 18 de junio de 2023

PLANETA PRINCIPIÑO





A partir das citas da lectura desta obra escollidas no club de adultos e coa axuda do alumnado de francés, creamos este  móbil na biblioteca que acompaña a exposición d'O Principiño en diferentes idiomas.



viernes, 2 de junio de 2023

DESPEDIMOS OS NOSOS COLEÓPTEROS FAVORITOS

Hoxe a biblioteca pechou para dar acollida, un curso máis, á festa de despedida dos vagalumes.


As lecturas foron moitas e variadas, igual que as viandas escollidas e relacionadas con elas: Bertie botts de Harry Potter, té xeado da familia Holmes, estrelas no vento, ollos de Polifemo e mosaikós grego traído das viaxes de Ulises, violetas das Mulleres planta, pantasmas de Canterville, dedos de zombis traídos por Frankenstein dunha Apocalipse Z e xugo da nosa Planta de laranxa lima.


Agora imos voar para seguir lendo noutros lugares, pero a Bibliotrabe espéravos de volta en setembro.

martes, 30 de mayo de 2023

AVALIACIÓN DA BIBLIOTECA


Un ano máis a BIBLIOTRABE pide a colaboración das súas usuarias e usuarios para seguir mellorando. Pregámosvos que nos dediquedes uns minutos do voso tempo para facerdes a avaliación das salas. Contestade só a enquisa do voso grupo. Moitas grazas!


ENQUISA PARA O ALUMNADO


ENQUISA PARA O PROFESORADO


ENQUISA PARA AS FAMILIAS


CHARLA DE LECTURA E FAMILIAS IMPARTIDA POR SONIA HERMIDA

 Esta tarde o profesorado e familias usuarias da biblioteca asistiron a un taller para fomentar na adolescencia os hábitos lectores e para aprender a crear espazos comúns nos que compartir lecturas.



VISITA DE EVA MEJUTO

Grazas á editorial Xerais, a autora, da que o alumnado de 2º da ESO leu as obras A lavandeira de San Simón e 22 segundos, veu falar desta última coas lectoras e lectores, que compartiron con ela as súas impresións e aprenderon sobre o proceso que levou á creación da novela.





jueves, 18 de mayo de 2023

OBRADOIRO DE POESÍA IMPARTIDO POR CARLOS NEGRO

O alumnado de 4° de ESO, dividido en varias quendas asistiu na BIBLIOTRABE a un taller impartido polo poeta Carlos Negro, que foi presentado por Carmen e Irene, do Club de Lingua Galego no Rego.



miércoles, 17 de mayo de 2023

SELECCIÓN DAS LETRAS GALEGAS

A exposición de fondos desde mes é de anteriores homenaxeadas e homenaxeados nesta celebración creada por Fernández del Riego hai sesenta anos.

Os integrantes do Club de lectura VAGALUMES tamén homenaxearon a don Paco fotografándose coas súas lentes para os marcapáxinas deste curso. Xa sabes, "Pon as gafas de lectura e ven cos Vagalumes a vivir aventuras!"



martes, 16 de mayo de 2023

AS LETRAS DE DON PACO


Xa estamos na semana das Letras Galegas. Este ano dedícanse a Francisco Fernández del Riego, presidente da Real Academia Galega, fundador da editorial Galaxia e impulsor da festividade das Letras Galegas.





ESCAPE ROOM NA BIBLIOTRABE

Os integrantes do noso Club de Lectura Vagalumes fixeron na biblio unha escape room inspirada en Harry Potter.






lunes, 15 de mayo de 2023

DÍA DO LIBRO

 

Decoramos a biblio con marcapáxinas plurilingües que reflicten as vivencias lectoras do alumnado.


Había que vestirse de festa, que era o Día do Libro e, ademais, nuns días viñan dos centros de primaria as nosas futuras usuarias e usuarios... que nervios!




martes, 7 de marzo de 2023

MARZO

Xa estamos en marzo, alén do 8M, é un mes cheo de datas importantes para a lectura.

O voluntariado de biblioteca apuntounos todas as que non hai que esquecer.



 

martes, 28 de febrero de 2023

O noso pé de laranxa lima

Onte a nosa árbore de lectura deu laranxas con citas da obra de José Mauro de Vasconcelos, grazas ás/aos integrantes do Club Vagalumes, que estiveron acompañadas/os dalgúns compañeiros de portugués e do seu profesor Iago Bragado para comentar a lectura e facer un visionado do flime en V.O.S.





martes, 21 de febrero de 2023

AMOR POLA LECTURA

"Citas" de San Valentín, esta foi a fermosa iniciativa coa que nos sorprendeu o noso Voluntariado de lectura.

sábado, 11 de febrero de 2023

DÍA DA MULLER E A NENA NA CIENCIA 2023

Este ano recordamos á experta en Álxebra María Wonenburguer. 

Podes ver xa unha exposición sobre a historia das Matemáticas no corredor do primeiro andar.





miércoles, 1 de febrero de 2023

🌟LUIS🌟

Con xúbilo despedímonos do mes dedicado á Economía na Bibliotrabe e do noso compañeiro Luís, profesor desta materia, que desde hoxe é profesor xubilado.

E nos últimos cursos foi, ademais, o noso compañeiro, coordinador, decorador, animador e, por suposto, lector na BIBLIOTRABE.

Desexámosche o mellor nesta nova etapa!!